Saturday 27 de April de 2024

O estadio de Río Seco acollerá a vindeira fin de semana o “VIII Torneo Internacional Cidade de Narón”


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto ao presidente e directivo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa “Narón-O Freixo”, Rafael Pazos e Juan Carlos Vázquez, respectivamente, e o delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o “VIII Torneo Internacional Cidade de Narón”. O evento deportivo celebrarase os días 9 e 10 de setembro nas instalacións do estadio de Río Seco nas categorías alevín e benxamín de fútbol 8, tal e como apuntou Santalla.

 

Máis de medio milleiro de deportistas procedentes de corenta equipos participarán nesta convocatoria, organizada polo Concello e a S.C.D.R. “Narón-O Freixo” en colaboración coa RFGF. A maiores dos equipos da entidade deportiva local xogarán no torneo outros procedentes de clubs como o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Racing de Ferrol, a Cultural Leonesa, o Sporting de Lisboa, o Sporting de Braga… entre outros. Os partidos do sábado disputaranse entre as 16.00 e as 23.00 horas, se ben os do domingo terán lugar dende as 10.00 ata aproximadamente as 20.0 horas.
O delegado da RFGF asegurou que “é un orgullo que este torneo poña no mapa o fútbol base a nivel internacional neste concello e tamén poder colaborar na organización do evento dende a Federación Galega”. Yáñez agradeceu no seu propio nome e no do presidente desta institución “o traballo realizado tanto polo Narón-O Freixo como polo Concello de Narón, sempre disposto a realizar actividades deportivas e formativas”.

O presidente do “Narón-O Freixo” destacou a participación de destacados clubs neste evento, entre eles o Sporting de Braga, campión da anterior edición do torneo e que ten o equipo principal da Liga de Campións, ou o Sporting de Lisboa, entre outros.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu tamén o traballo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa “Narón-O Freixo”, un dos clubs con máis deportistas na cidade e dos máis consolidados, fundado hai máis de tres décadas, e tamén o respaldo da RFGF a esta e outras iniciativas vencelladas co fútbol na cidade”.
Dende a organización animaron á cidadanía a acudir a este torneo “para desfrutar dunhas xornadas de fútbol na cidade e apoiar ao deporte e aos deportistas que participarán no mesmo”.